A Cidade da Cultura de Galicia convértese por quinto ano consecutivo nun espazo de encontro no que creadores emerxentes terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de coñecementos e ideas con outros axentes culturais. Será no V Encontro de Artistas Novos que se celebrará na Biblioteca e Arquivo de Galicia do 7 ao 11 de setembro de 2015.
Coordinado por Rafael Doctor, o Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’ busca favorecer a convivencia entre artistas emerxentes galegos e procedentes doutros lugares, ademais de poñer en contacto aos participantes con outros axentes do sector como críticos, comisarios ou art followers. Unha edición máis, o Encontro traerá ao Gaiás artistas e creadores xa consolidados para compartir as súas experiencias e reflexións ao redor da arte: Menchu Lamas,Ana Laura Aláez, Damián Ucieda, Enrique Marty e Aitor Saraiba, ademais de críticos de arte, xornalistas e comisarios que desenvolverán o labor de 'art followers'.
No Foro Aberto, cada un dos participantes terá a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. A maiores, a Cidade da Cultura abre a posibilidade de que algúns dos participantes sexan elixidos para realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo, convertindo esta infraestrutura nun lugar dedicado á arte e á creatividade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario